II Conferencia Sectorial de Deporte

II Conferencia Sectorial de Deporte
  • Tras a aprobación do pasado venres no Consello de Ministros, o ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, explicou aos conselleiros das comunidades autónomas as liñas xerais da lei, así como o detalle sobre o proceso da súa tramitación
  • Agora, ábrese un prazo de audiencia pública na que os representantes autonómicos, entre outros, teñen un prazo de dúas semanas para presentar alegacións
  • Todos os asistentes estiveron de acordo en chegar á fase de tramitación parlamentaria cun texto de “máximo consenso”
  • Para Guirao foi unha reunión “moi positiva e construtiva”

Madrid, 05 de febreiro de 2018.- O ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, presidiu hoxe a segunda reunión da Conferencia Sectorial de Deporte que tivo como asunto principal o contido do Anteproxecto da Lei do Deporte, aprobado o pasado venres no Consello de Ministros.

Durante a súa intervención, Guirao explicou aos representantes autonómicos as liñas xerais do texto, así como o calendario de tramitación que agora empeza. “Ábrese un prazo de dúas semanas para enviarnos opinións, matizacións e alegacións, co fin de que, xunto coas dos outros actores do mundo do deporte, podamos puílo e convertelo en proxecto para que vaia ao Congreso co máximo consenso”, relatou o ministro. Respecto dos dereitos económicos das federacións deportivas, insistiu en que a lei trata de protexer aos deportes minoritarios e que, en calquera caso, estamos no período de audiencia pública para “falar e escoitar a todo o mundo”.

En relación ao rexeitamento de LaLiga aos aspectos que recolle a lei sobre os dereitos de imaxe, Guirao aclarou que o ministerio vai “falar con todo o mundo” e que “quen queira falar connosco non vai ter ningún problema, estamos no período de audiencia, polo que se estamos equivocados rectificaremos”.

O ministro de Cultura e Deporte destacou que na reunión, que tivo lugar na sede do Consello Superior de Deportes (CSD), a maioría das intervencións dos representantes autonómicos enfocáronse na necesidade de lograr o máximo acordo posible sobre o anteproxecto, polo que a cualificou de “moi positiva e cordial”.

Grupos de traballo sobre hábitos saudables e igualdade

Durante a reunión deste órgano, que se creou o pasado mes de xullo e que representa o máximo espazo de interlocución entre a Administración Xeral do Estado e as comunidades e cidades autónomas, tamén se informou sobre  a constitución e o inicio das reunións dos grupos de traballo creados sobre hábitos saudables e igualdade no deporte naquela primeira sesión constituínte.

Integrantes da Conferencia Sectorial de Deporte

A Conferencia Sectorial está presidida polo ministro de Cultura e Deporte e composta polos conselleiros das comunidades e cidades autónomas de Ceuta e Melilla competentes en materia de deporte, a presidenta do Consello Superior de Deportes, o director Xeral de Deportes, o subsecretario do Ministerio de Cultura e Deporte e un representante do Ministerio de Política Territorial e Función Pública. 

Na reunión celebrada hoxe asistiron representantes dos gobernos autonómicos de: Aragón, Asturias, Illas Baleares, Castela – A Mancha, Castela e León, Cantabria, Cataluña, Ceuta, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, A Rioxa, Murcia e Navarra, coas ausencias de Andalucía, Canarias, País Vasco e Melilla.