Manifesto pola Igualdade e a Participación da Muller no Deporte

manifiestooficial

Formulario de adhesión ao manifesto

"Manifesto pola Igualdade e a Participación da Muller no Deporte"

 

Resultan evidentes os avances sociais das mulleres en todos os ámbitos, pero a pesar da aparente igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, existen aínda obstáculos que dificultan a igualdade efectiva. O deporte, como actividade plenamente integrada na nosa sociedade, non é alleo a esta realidade.

Son múltiples as leis e iniciativas a todos os niveis, que instan a expor novas formas de pensar e actuar para facer posible a transformación e o cambio para o logro dunha sociedade máis igualitaria.

No contexto internacional recollen este compromiso a Carta das Nacións Unidas, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Convención das Nacións Unidas sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres. En España a aprobación da Lei para a igualdade efectiva entre mulleres e homes -Lei Orgánica 3/2007 de 22 de marzo- reflicte a vontade de crear o marco normativo adecuado e favorable para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e democrática.

O deporte e a actividade física, pola súa potencialidade educativa e mediática, constitúen un motor de cambio social e contribúen desde hai tempo a promover a igualdade entre mulleres e homes. No entanto, os datos dos estudos máis recentes neste ámbito reflicten que aínda existen diferenzas importantes en canto á participación e representación feminina nas distintas esferas do deporte.

A adscrición que as actividades físicas e o deporte tiveron e teñen ao rol social masculino, a peculiaridade das estruturas que sustentan o deporte, así como as diferenzas na ocupación do tempo de lecer, a estrutura familiar e laboral, os modelos educativos, os estereotipos sociais de xénero, etc., inciden no desequilibrio aínda existente e manteñen barreiras ocultas que dan lugar a un verdadeiro teito de cristal para as mulleres no ámbito deportivo. É fundamental promover a equidade no deporte, tendo en conta as diferenzas existentes entre mulleres e homes, pero sen que estas limiten as súas posibilidades.

Queremos un futuro con máis mulleres que gocen do deporte e dos beneficios que este leva, así como un maior número de mulleres implicadas en todos os aspectos da actividade física e o deporte: a dirección e a xestión, o adestramento, a arbitraxe, o xornalismo, a formación, a investigación e a práctica deportiva.

Por todo iso, MANIFESTAMOS que resulta necesario:

  • Utilizar as posibilidades que ofrece o deporte como vehículo de formación das persoas e como transmisor de valores, co fin de superar prexuízos e estereotipos que impiden ás mulleres e aos homes desenvolverse segundo as súas expectativas persoais e o seu potencial individual.
  • Incluír a perspectiva de xénero nas políticas de xestión da actividade física e o deporte para garantir a plena igualdade de acceso, participación e representación das mulleres, de todas as idades e condición, en todos os ámbitos e a todos os niveis: como practicantes, xestoras, dirixentes, adestradoras, técnicas, árbitras, xuízas, xornalistas e investigadoras.
  • Introducir o Principio de Igualdade de Oportunidades como unha máxima de calidade na xestión dentro da responsabilidade social corporativa de todas aquelas institucións ou entidades relacionadas coa actividade física e o deporte.
  • Facilitar o acceso e promoción das mulleres no deporte de competición, favorecendo a súa incorporación e recoñecemento deportivo e social no alto rendemento e posibilitando a conciliación da súa formación académica, desenvolvemento persoal e profesional.
  • Fomentar o emprego de estratexias coeducativas no ámbito escolar e deportivo, así como contextos de participación e práctica que faciliten a incorporación de mozas e de mozos a todo tipo de actividades como hábito permanente.
  • Asegurar a formación con perspectiva de xénero dos e as profesionais da actividade física e do deporte, de acordo coas esixencias que establece a normativa legal vixente para os diferentes niveis: universitario, formación profesional, ensinos técnicos e cursos de formación permanente.
  • Promover a investigación en materia de muller e deporte co fin de que sirva de apoio a políticas de igualdade efectivas no deporte, así como para a aplicación de programas e elaboración de ferramentas e outros materiais que permitan avanzar cara a unha actividade física e deportiva cada vez máis equitativa.
  • Apoiar a formación de redes e equipos multidisciplinares no ámbito deportivo onde os/as profesionais expertos/as en igualdade e en deporte intercambien os seus coñecementos e experiencias para favorecer a igualdade e eliminar as barreiras que aínda a dificultan.
  • Reflectir nos medios de comunicación unha imaxe positiva das mulleres no deporte, diversificada, exenta de estereotipos de xénero e como modelos de éxito persoal, profesional e social.
  • Alentar a patrocinadores para que apoien o deporte feminino no seu conxunto e os programas que potencien a práctica deportiva das mulleres.
  • Establecer desde o ámbito da actividade física e o deporte liñas coordinadas de actuación entre institucións e organismos nacionais e internacionais que se ocupan de promover a igualdade entre mulleres e homes, co fin de optimizar os programas e as accións.

O presente Manifesto pretende implicar a todas as persoas, organismos, institucións ou entidades públicas e privadas relacionadas directa ou indirectamente coa actividade física e o deporte para que se adhiran ao que aquí exponse e, no ámbito das súas competencias, incorporen as propostas que nel se fan.

O Consello Superior de Deportes, no seu papel de xestor público do deporte en España, e partindo dos principios incluídos na Declaración de Brighton sobre a muller e o deporte, promove e impulsa este Manifesto dentro das actuacións do Plan integral de promoción do deporte e a actividade física.