O CSD condena os insultos racistas que se están producindo no fútbol
Madrid, 22 de maio de 2023.- Ante o incremento no número de incidentes violentos no ámbito do fútbol, o Consello Superior de Deportes quere manifestar:
1) A súa condena rotunda e enérxica ante os insultos racistas que se están producindo no ámbito do fútbol. Estes incidentes son intolerables e absolutamente condenables non só no espazo deportivo senón nun país como España, terra de acollida e que fai da diversidade a súa bandeira. A xenofobia demostrada por algúns energúmenos avergóñanos como sociedade e como deporte. A violencia, o racismo e calquera tipo de discriminación son a antítese dos valores do deporte, que son precisamente os do respecto, a empatía e o espírito de equipo.
2) A pesar do inaceptable destas agresións, o Consello Superior de Deportes é partidario de non xeneralizar: os insultos proceden dunha minoría de exaltados que confunden a paixón co odio e que non deberían volver pisar un campo de fútbol. A súa actitude non é representativa dos nosos valores como sociedade e prexudica a imaxe do noso país.
O Consello Superior de Deportes lembra así mesmo o seu papel activo na loita contra a violencia no deporte, como membro da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte, cuxa presidencia ostenta na tempada 2022/2023; e da comisión de seguimento do Observatorio Español do Racismo e a Xenofobia (OBERAXE).
A Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte mantén reunións cada dúas semanas para o estudo, análise, proposta de sanción e seguimento dos casos de racismo e xenofobia que se estean dando no deporte.
Pola súa banda, a comisión de seguimento do Observatorio Español do Racismo e a Xenofobia (OBERAXE) reúnese dúas veces ao ano, a última o pasado 13 de decembro. Esta comisión volverá reunirse, como estaba previsto, o 13 de xuño na sede do Consello Superior de Deportes.
Por último, o Consello Superior de Deportes desexa anunciar que proporá á Real Federación Española de Fútbol e a LaLiga o desenvolvemento dunha campaña de concienciación dirixida ás afeccións, na que están chamados a participar os capitáns dos clubs de fútbol españois, así como accións puntuais para loitar contra a secuela do racismo e a xenofobia e para combater os discursos do odio no deporte.