O director Xeral do Consello Superior de Deportes destaca o apoio das marcas ao rugby e o traballo das seleccións femininas
Madrid, 9 de outubro de 2018.- O director Xeral do Consello Superior de Deportes, Mariano Soriano Lacambra, presidiu hoxe a presentación da camiseta oficial que lucirá a selección española feminina de rugby a sete que competirá nas próximas series mundiais. Soriano estivo acompañado polo vicepresidente da Federación Española de Rugby, Juan José Lúa; o seleccionador nacional, Pedro de Matías; a coordinadora de patrocinios de Iberdrola, Noelia Florín, así como as xogadoras convocadas, lideradas pola súa capitá Bárbara Pla.
“Hai que pór en valor o traballo das empresas que apoian o deporte, así que quero dar as grazas a Joma e Iberdrola polo seu compromiso”, afirmou Soriano, que engadiu que “grazas ás seleccións españolas femininas está a aumentar o número de licenzas, o que é unha alegría para o CSD porque así o rugby vai tomando o lugar que se merece”.
Juan José Lúa dixo que “é un orgullo levar polo mundo na camiseta o nome de dúas marcas españolas”.
O seleccionador nacional, Pedro de Matías e a capitá do equipo das #Leoas, Bárbara Pla, afirmaron que o reto do equipo nas series mundiais é lograr a clasificación para Tokio 2020, “para o que traballamos con responsabilidade e ilusión, que é o verdadeiro motor do equipo”.
Por último, Noelia Florín, de Iberdrola, dixo que “grazas ao deporte, a nosa marca vai estar literalmente en todo o mundo. Estamos orgullosos de impulsar o deporte feminino -xa apoiamos 16 federacións- porque está imparable”.
Ao evento acudiron as xogadoras que disputarán as próximas series mundiais de rugby a sete en Colorado (USA), a cales lucían nas súas camisetas os logos de Iberdrola e Joma, marcas que patrocinan ao conxunto feminino.
Na imaxe, o director Xeral do CSD xunto ás autoridades e as integrantes da selección absoluta de rugby a sete