O esquiador guipuscoano Jon Santacana e o seu guía, Miguel Galindo, conseguiron a primeira prata para España nos Xogos Paralímpicos de Vancouver 2010. Tras a suspensión das carreiras da primeira xornada, a competición arrincou en Whistler Creekside coa proba de slálom para cegos e deficientes visuais, na que participaron catro españois, e para discapacitados físicos que compiten sentados.
Na primeira manga, Santacana situouse en primeira posición, cun tempo de 49”88, medio segundo menos que o eslovaco Jakub Krako (50”41) e case un segundo menos que o italiano Gianmaria Dal Maistro (50”74), segundo e terceiro clasificado, respectivamente. O canadense Christopher Williamson, que partía entre os favoritos, realizou unha primeira baixada moi lenta e perdeu tres segundos (52”93), ata quedar na oitava posición.
A segunda manga foi un pouco máis lenta para o español, que parou o crono en 57”03, e foi superado polo eslovaco Jalub Krako (55”41). Desta forma, Krako fíxose co ouro, cun tempo total de 1’45”82, mentres que Santacana proclamouse subcampión paralímpico (1’46”91) e Gianmaria Dal Maistro obtivo o bronce (1’48”32).
Esta é a primeira medalla paralímpica en slálom para o corredor con deficiencia visual, que en Salt Lake City 2002 non concluíu esta proba e en Turín 2006 non puido pasar da sétima praza como consecuencia dunha lesión. Na Copa do Mundo de 2010, en cambio, conseguiu a terceira posición nesta disciplina.
Tras a carreira, Santacana manifestou que está “moi satisfeito” coa súa medalla de prata, aínda que admitiu que tras ir líder na primeira manga “quedas un pouco co mel nos beizos”.
"Eu estou moi satisfeito. Se me chegan a dicir hai meses que ía sacar a prata en slálom dese brincos de alegría. O que pasa é que estiveches ás portas de conseguir un ouro", indicou o esquiador español, quen engadiu que a partir de agora, no catro carreiras que quedan “imos ter máis confianza” e “unha certa tranquilidade” para afrontalas “dando o máximo".