Finalidade

Tomaranse as medidas adecuadas para desenvolver a capacidade física dos mozos, para permitirlles adquirir destrezas físicas e deportivas de base e para fomentar a práctica do deporte, especificamente:

  • Velando por que todos os alumnos gocen de programas de prácticas de deportes, de actividades recreativas e de educación física, así como das instalacións precisas, e procurando que se habiliten para iso uns horarios adecuados.

  • Garantindo a formación de profesores cualificados en todas as escolas.

  • Ofrecendo, despois do período de escolarización obrigatoria, a posibilidade de que os mozos continúen practicando deportes.

  • Alentando o establecemento de vínculos adecuados entre as escolas e outras institucións de ensino, os clubs deportivos escolares e os clubs deportivos locais.

  • Fomentando un estado de opinión no que os pais, profesores, adestradores e dirixentes estimulen aos mozos para que practiquen o deporte con regularidade.

  • Velando por que se inculquen aos mozos desde a escola elemental os principios da ética deportiva.

(Carta Europea do Deporte, Art. 5)

 

En 1988, o Ministerio de Educación e Ciencia, o Consello Superior de Deportes, Organismo Autónomo do referido Ministerio, e as Comunidades Autónomas que non tiñan transferidas nese momento as competencias en materia educativa, inician un Plan, cuxo nome completo é de Extensión da Educación Física e o Deporte Escolar en Centros docentes non Universitarios, máis coñecido polo nome de Plan Escolar.

 

Este importante proxecto permitiu dotar a moitos centros de ensino públicos de Primaria e Secundaria dos medios necesarios para impartir a Educación Física curricular e, ademais, fomentou o hábito deportivo a través do deporte como actividade extraescolar.

 

Con iso contribuíuse ao desenvolvemento de auténticas áreas educativas para unha formación integral, creando, tamén, en moitos municipios unha importante infraestrutura de instalacións deportivas ao servizo de toda a colectividade.