Estratexia Nacional de Fomento do Deporte contra o Sedentarismo e a Inactividade Física 2025-2030
Presentación
Moitas son as perdas que deixou a pandemia da COVID-19 en todo o mundo, tamén en España. Unha crise que afectou á práctica do deporte, pero que veu confirmar a importancia dunha vida saudable e activa. Así, o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, aprobado o 16 de xuño de 2021, no seu Compoñente 26 de Fomento do Sector Deporte contemplaba tres reformas e outras tres grandes investimentos. Unha destas reformas é a Estratexia Nacional de Fomento do Deporte contra o Sedentarismo e a Inactividade Física.
Esta Estratexia Nacional cobra unha importancia fundamental, dado o impacto da actividade física na promoción dunha vida activa para o desenvolvemento social, cultural e económico dos Estados e dos seus habitantes. Unha actividade física regular, en consonancia coas directrices vixentes da Organización Mundial da Saúde, axuda a previr patoloxías e enfermidades non transmisibles como as cardiopatías, os accidentes cerebrovasculares, a diabetes e algúns tipos de cancro, á vez que pode previr a hipertensión, o sobrepeso e a obesidade e mellorar a saúde mental, a calidade de vida e o benestar.
As sociedades máis activas xeran beneficios adicionais entre a súa poboación: menor uso de combustibles fósiles, aire máis limpo e estradas máis seguras e menos congestionadas. Estes resultados están conectados co logro dos obxectivos compartidos, as prioridades políticas e as ambicións reflectidas na Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas.
No momento actual conflúen tres elementos que evidencian a necesidade de aprobar e pór en marcha a presente Estratexia Nacional de Fomento do Deporte contra o Sedentarismo e a Inactividade Física. O primeiro é que, a pesar dos efectos negativos que provocou o confinamento da poboación como consecuencia da pandemia da Covid-19, a cidadanía comprobou e manifestou a necesidade de incorporar a actividade física á súa vida diaria; o segundo dos elementos a destacar é que os organismos internacionais relacionados coa saúde reclaman políticas nacionais para loitar contra o sedentarismo e as súas consecuencias sobre a saúde dos cidadáns; e, finalmente, o terceiro é a finalización do período de vixencia do “Plan Integral para a Actividade Física e o Deporte - Plan A+D”, deseñado polo Consello Superior de Deportes.
Estas circunstancias resultan nun compromiso activo do Goberno de España, en colaboración co resto de administracións, coa actividade física, proxectando un novo conxunto de medidas a futuro en torno á Estratexia que se presenta a seguir. Trátase dunha proposta integral para o fomento do deporte e para a loita contra o sedentarismo e a inactividade física.
Para iso, profúndase, inicialmente, nunha análise da importancia e o impacto da promoción dunha vida activa no contexto actual. A seguir, realízase unha breve análise do marco lexislativo e normativo de referencia no contexto internacional. Unha vez entendido o contexto no que esta Estratexia Nacional debería xerar os seus resultados, defínese a súa visión, misión e valores. Tras este esquema previo, o documento aborda detalladamente diferentes liñas estratéxicas cos seus respectivos eixos de intervención e accións específicas.
A través desta Estratexia, o Goberno de España e este Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes asume o compromiso de achegar as ferramentas e os medios necesarios para que toda a poboación española teña un mellor acceso á práctica de actividade física e deportiva de calidade e segura, aumentando
así os niveis de actividade físico-deportiva e, en consecuencia, mellorando a saúde e o benestar no noso país. Un país no que ser fisicamente activo sexa a norma e non o comportamento extraordinario, e no que as súas cidadás e cidadáns vivan nunha sociedade que facilite, promova e apoie un modo de vida activo e saudable.
Madrid, decembro de 2024
Pilar Alegría Continente
Ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes
Descarga o documento completo: