As instalacións de atletismo do Centro de Alto Rendemento de Madrid levarán o nome de Carmen Valero

En recoñecemento e memoria da mellor atleta española do século XX

O presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Rodríguez Uribes, comunicou esta decisión á familia de Carmen Valero hoxe en Sabadell, durante o último adeus á pioneira do atletismo español

“É un acto de recoñecemento e memoria e unha declaración poderosa sobre o valor do deporte feminino na nosa sociedade”, subliñou o presidente do CSD

 

Madrid, 4 de xaneiro de 2024.- As instalacións de atletismo do Centro de Alto Rendemento (CAR) de Madrid levarán o nome de Carmen Valero Omedes, lenda do atletismo español falecida este martes.

O presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), José Manuel Rodríguez Uribes, comunicoulle esta tarde á súa familia esta decisión, coa que o Goberno de España recoñece a traxectoria da mellor atleta española do século XX.

“Non é só un acto de recoñecemento e memoria, senón tamén unha declaración poderosa sobre o valor do deporte feminino na nosa sociedade. O legado de Carmen Valero vai máis aló das pistas. As fazañas e o espírito desta gran lenda non serán esquecidos”, remarcou José Manuel Rodríguez Uribes.

Carmen Valero é a gran pioneira do atletismo español, referente indiscutible para posteriores xeracións. Os retos e obstáculos aos que tivo que enfrontarse por ser muller nun ámbito aínda dominado por homes convertérona en todo un símbolo de superación e de igualdade no deporte.

A turolense foi a primeira atleta española en disputar uns Xogos Olímpicos, en 1976 en Montreal. Competiu nas probas de 800 e 1.500 metros. Así mesmo, foi campioa do mundo de campo a través ese mesmo ano e o seguinte, un fito que ningún español foi capaz de igualar.

 

As instalacións de atletismo

 

O CAR de Madrid, un do tres Centros de Alto Rendemento estatais titularidade do CSD xunto cos de Sierra Nevada e León, é un dos espazos de referencia de preparación deportiva de alto nivel.

Dando o nome de Carmen Valero ao espazo de atletismo, o Consello Superior de Deportes busca recoñecer e lembrar o legado da deportista e subliñar o papel das mulleres na nosa sociedade, inspirando e motivando aos e as atletas do presente e futuro.

Será a primeira muller que dea nome a un espazo do Consello Superior de Deportes. Joaquín Blume dá nome á residencia de deportistas e Juan Antonio Samaranch á sala de actos.

Actualmente, adestran de maneira permanente no CAR de Madrid 52 deportistas da Real Federación Española de Atletismo. Este complexo, ademais, acolle concentracións de deportistas nacionais e internacionais e diferentes programas de formación e tecnificación deportiva.

O espazo de atletismo conta cunha pista exterior de 400 metros, que se atopa actualmente en fase de remodelación, e cun módulo anexo que permite o adestramento a cuberto de varias modalidades, ao dispor dunha recta de 110 metros, un corredor de salto de lonxitude e triplo salto, salto de pértega e salto de altura.

En total, tanto o espazo ao aire libre como o módulo cuberto, supoñen máis de 6.500 metros cadrados destinados exclusivamente ao atletismo.