O CSD acolle con satisfacción e orgullo a decisión da FIFA sobre o Mundial 2030

Haberá unha candidatura única, de modo que España terá a oportunidade de albergar o Campionato do Mundo

O Consello Superior de Deportes (CSD), tras coñecer que a FIFA acordou por unanimidade que haxa unha candidatura única para o Mundial masculino de fútbol de 2030, quere expresar o seu máis sincero agradecemento, o seu profundo orgullo e a súa enorme satisfacción por unha noticia realmente transcendente para o deporte español. España terá a oportunidade, 48 anos despois da histórica cita de 1982, de albergar un Mundial de fútbol.

“Demostramos no Mundial de fútbol de 1982 e noutros eventos, como os Xogos Olímpicos de 1992, que cando se nos reclama estamos á altura. É o que imos facer e ese é o compromiso deste Goberno”, asegurou o presidente do Consello Superior de Deportes, Víctor Francos, que se mostrou “orgulloso” nun día de enorme “satisfacción para o conxunto da cidadanía española”.

“Agora temos un traballo moi importante por diante, que é cumprir cos obxectivos que nos pide a FIFA para en 2024 ser xa, de forma definitiva, elixidos. A ninguén se lle escapa que, sendo candidatura única, agora está nas nosas mans ser a sede do Mundial 2030”, abundou.

 

Un legado global único

A partir de este momento, o Goberno seguirá traballando xunto ás federacións que coordinarán o desenvolvemento do campionato desde a responsabilidade colectiva e o espírito de colaboración, para que a organización deste evento deportivo, de tanta transcendencia no mundo, sexa ratificada pola FIFA a finais de 2024.

Para a consecución deste gran soño, tal e como veu facendo ata agora, o Consello Superior de Deportes seguirá preservando o interese de España e da candidatura que apoiou desde un primeiro momento. Existe un firme compromiso para que o Mundial de 2030 resulte un gran éxito para España e para os países implicados na organización deste campionato, deixando un legado global único.