O CSD convoca axudas por 12,9 millóns de euros para o fútbol de 1ª División feminina e de 2ª B masculina

O prazo será de corenta e cinco días naturais a partir de hoxe

O Consello Superior de Deportes abriu o prazo para que as futbolistas e persoal técnico da Primeira División feminina de fútbol, así como dos equipos de Segunda División B masculina soliciten axudas para a protección social e o pago das cotizacións á Seguridade Social.

Ao mesmo tempo, asociacións ou sindicatos de futbolistas, árbitros, adestradores e preparadores físicos poderán solicitar axudas destinadas á promoción de proxectos de inserción laboral e para gastos de estrutura.

A Real Federación Española de Fútbol e as asociacións e sindicatos deportivos españois serán os encargados de canalizar a petición destas axudas como entidades colaboradoras que son.

Así o recolle o BOE, que fixa que a contía máxima destinada a estes fins en 12.928.711,55 euros. En concreto, as axudas para a protección social dos deportistas e técnicos son de ata 12.282.275,97 euros, mentres que para o fomento do asociacionismo e deporte afeccionado asígnase unha cantidade mínima de 646.435,58 euros.

Esta partida orzamentaria contempla recursos económicos procedentes do 0,5% dos ingresos derivados da comercialización dos dereitos audiovisuais do fútbol profesional español.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días naturais a partir de hoxe e deberá facerse de forma telemática.

Máis información: PDF (BOE-B-2019-30073 - 3 páxs. - 178 KB)