O Goberno aproba a modificación da Lei de financiamento de RTVE para impulsar os programas ADO e ADOP

Madrid, 08 de marzo de 2019. O Consello de Ministros aprobou hoxe a modificación da Lei 8/2009 de financiamento da Corporación de Radio e Televisión Española pola que as campañas de patrocinio de empresas destinadas ao desenvolvemento dos programas ADO e ADOP e que non supoñan un beneficio económico para a Corporación non serán consideradas como publicidade.

Esta medida vai permitir favorecer e impulsar  a participación de entidades e empresas nestes programas coa finalidade de reforzar a práctica do deporte de alta competición incluído nos calendarios olímpico e paralímpico, algo especialmente relevante no ano previo á celebración dos Xogos de Tokio 2020.

Con esta modificación da Lei de financiamento de RTVE refórzase, ademais, a función de servizo público estatal encomendada á Corporación  e ás súas sociedades filiais, en especial no que aos acontecementos culturais e deportivos refírese.

Esta medida inclúese dentro do Real Decreto-lei de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo aprobado hoxe polo Executivo.