A aplicación NØDopApp permite ao deportista coñecer se un medicamento contén sustancias prohibidas no deporte

A AEPSAD lanza unha ferramenta que facilita á deportista información sobre a composición de medicamentos e persegue evitar positivos non intencionados

Madrid, 12 de agosto de 2019. A aplicación para dispositivos electrónicos NØDopApp, desenvolvida pola Axencia Española de Protección da Saúde no Deporte (AEPSAD), permite aos seus usuarios coñecer dunha maneira fácil e accesible se un medicamento cuxa comercialización está autorizada nos diferentes países integrados nesta plataforma contén algunha sustancia incluída na Lista de sustancias e métodos prohibidos no deporte aprobada cada ano pola Axencia Mundial Antidopaxe (AMA).

O obxectivo é ofrecer ao deportista unha ferramenta de consulta que permita evitar o número de resultados antidopaxe positivos non intencionados provocados na maioría das ocasións polo descoñecemento do propio deportista ou da súa contorna.

NØDopApp, que conta con versión web (NØDopWeb), está dispoñible para a súa descarga en todo o mundo tanto para dispositivos Android como para Iphone a través de Google Play e App Store.

Esta ferramenta permite realizar a consulta introducindo o nome da sustancia, do medicamento ou ben a referencia do medicamento (código nacional ou equivalente) que aparece reflectido na súa etiquetaxe. Tamén permite realizar a consulta directa por sustancias concretas.

Unha vez seleccionada a sustancia ou o medicamento, a aplicación informará sobre se consumo no deporte está ou non permitido. Tamén detalla as posibles restricións do seu uso.

Así mesmo, na consulta aparece información relativa á clasificación das sustancias dopantes segundo aparecen reflectidas na Lista de sustancias e métodos prohibidos no deporte aprobada cada ano pola Axencia Mundial Antidopaxe (AMA) e que cada ano publica en España o BOE.

Tamén existe un apartado no que se inclúen as regas que para a saúde supón o ilícito consumo ou utilización das sustancias e métodos prohibidos no deporte fóra das indicacións autorizadas coa intención de incrementar o rendemento deportivo, a masa muscular, etc.

NØDopApp e NØDopWeb non proporcionan información sobre sustancias presentes en alimentos, complementos alimenticios, plantas, medicamentos a base de plantas medicinais ou medicamentos homeopáticos.

Os datos desta ferramenta referentes a medicamentos son os existentes no rexistro de medicamentos autorizados polas diferentes Autoridades Reguladoras de Medicamentos (Axencias de Medicamentos, Ministerios de Saúde, Ministerios de Sanidade, etc.) dos distintos países que están integrados na plataforma.

Os usuarios tamén teñen a opción de enviar consultas ou comentarios á AEPSAD a través do correo electrónico: educacion@aepsad.gob.es

Ferramenta de referencia nos Xogos Panamericanos de Lima 2019

Dentro do compromiso da AEPSAD de colaboración con Iberoamérica, e nun traballo coordinado coa Comisión Nacional Antidopaxe de Perú (CONAD), NØDopApp e NØDopWeb están a ser as ferramentas de consulta oficial dos Xogos Panamericanos e Parapanamericanos de LIMA 2019. O propósito da AEPSAD é seguir aumentando o número de países iberoamericanos integrados nesta plataforma de consulta de medicamentos.