O CSD e España Global crean un grupo de traballo para impulsar a proxección exterior do deporte español e o seu valor estratéxico

Coa participación do COE, o CPE, a RFEF, LaLiga, ADESP (Oficina Global Sports Spain) e World Football Summit

Madrid, 16 de abril de 2019. O Consello Superior de Deportes (CSD) e a Secretaría de Estado da España Global crearon un grupo de traballo estable para impulsar a proxección exterior do deporte español que contará con representantes, entre outros, do Comité Olímpico Español (COE), do Comité Paralímpico Español (CPE), da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), de LaLiga, do World Football Summit e da Asociación do Deporte Español (ADESP).

O labor deste grupo centrarase no desenvolvemento dunha plataforma común que promocione o modelo do deporte español a nivel internacional e deseñe unha estratexia conxunta dirixida a pór en valor o noso deporte como factor económico e social de gran relevancia. Ademais, establecerá os mecanismos de detección e defensa das ameazas externas en materia de reputación do noso deporte.

Entre outras iniciativas, está prevista a elaboración dunha Guía para a Diplomacia Deportiva Española dirixida ás embaixadas españolas que definirá unhas pautas de actuación en materia de promoción e proxección do deporte.

Así mesmo, a estratexia conxunta pretende impulsar os programas de formación e cooperación internacional do CSD co apoio das federacións deportivas para a presenza de grupos de adestramento, competición e tecnificación internacionais en España.

Este grupo de traballo manterá reunións de forma bimensual. Na súa próxima reunión, España Global anunciou a presentación dun estudo sobre o modelo español de diplomacia pública.