O Goberno autoriza ao CSD a convocatoria de axudas ás federacións deportivas españolas

Ascenden a un total de 50.055.500 €, dos cales 1,3 irán destinados aos deportistas

 Madrid, 24 de marzo de 2020. O Consello de Ministros autorizou esta mañá ao Consello Superior de Deportes (CSD) a convocatoria das axudas ás federacións deportivas españolas para o ano 2020.

O montante final destas axudas supera os 50 millóns de euros, dos cales, máis de 1,3 irán destinados directamente aos deportistas polos seus resultados durante esta tempada. Con esta decisión, o Executivo quixo acelerar os trámites para a súa concesión nun momento especialmente delicado para as federacións, primeiro polas actuais restricións orzamentarias e, despois, pola crise sobrevinda da loita contra o COVID-19.

Anualmente, mediante unha convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, o CSD concede axudas e subvencións ás entidades federativas coa finalidade de optimizar a preparación deportiva e os resultados dos equipos e deportistas que representan a España nas competicións deportivas internacionais. Este ano, aínda que a crise do coronavirus paralizou a actividade do deporte, é desexo do goberno que a maquinaria federativa siga funcionado coa maior normalidade posible.

Outras das súas finalidades son o fomento cuantitativo e cualitativo das competicións nacionais e internacionais; a formación e perfeccionamento de técnicos deportivos e de xuíces, árbitros ou equivalentes; o fomento da participación da muller en todos os ámbitos do deporte; os programas de tecnificación deportiva para promover o desenvolvemento deportivo na alta competición; así como axudas para promover a adecuada representación de directivos de España nas federacións deportivas internacionais.

Esta convocatoria inclúe, ademais, outras liñas de subvención específicas destinadas a axudas para deportistas españois por resultados deportivos obtidos no ano anterior e a axudas para sedes de federacións internacionais en España e para presidentes españois ou membros de comités executivos de federacións  deportivas Internacionais.